martes, 12 de xaneiro de 2010

“CLANDESTINO: CONTOS, LENDAS, FÁBULAS E POEMAS”


CAMIÑOS SEN NOME

Un campo deserto.
Pousa un pardal.
O Xardín das Hortensias.
Na alborada, unha tartaruga percórreo lentamente.
Ninguén a viu.
Dous namorados tendidos na herba
miran en silencio a noite e os astros.
Cae unha estrela fugaz.
No arboredo que hai detrás da cidade,
unha araña lanza o seu primeiro fío de prata
á póla máis alta.
Por riba dos tellados, entre as chemineas,
hai unha autoestrada invisible.
Por ela as andoriñas van e volven.
Unha longa caravana de formigas
desfila cara ao biscoito que Sara deixou caer no patio
mentres merendaba ao sol na azotea da súa casa.
No solpor do verán, o mar está como un prato
e as ondiñas debuxan rizos louros.
Unha chega máis lonxe que as demais,
até o castelo que os cativos deixaron na area.
Non todos os camiños teñen nome.
Hainos nos que non hai ruído ningún.
No silencio do teu cuarto, onde ti te agochas,
se tiveses orellas de morcego
sentirías as vibracións que atravesan os muros e a noite
para che traeren a música do mundo.
Hai un gran ruxerruxe. É como un antroido.
Son tambores e címbalos de ferro.
Camións que furan montañas.
Cancións sen palabras. Palabras nas tebras.
Baladas de salón. Rutas somnámbulas de navíos mercantes.
Avións perdidos.
Pero ti non tes orellas de morcego.
Tes orellas submarinas que escoitan bailar as algas nos corais
Tes orellas de caracol que senten bater a chuvia no bambú.
Ti dis: estrelamar.
As túas palabras son minúsculas como niños de colibrí.
Ti, co nariz pegado á xanela,
viches a garza voar cara ao norte.
Cando te botes aos camiños do mundo,
non esquezas a liña que trazaba no ceo.




Dentro desta caixa teño
un moneco para ti.
Ten o corpo de corales
e a cariña de almasí,
as trenzas de fío de ouro,
os beizos coma rubís
e os ollos son dous luceiros
que me deu un pelegrín.
Un día cho amostrarei
para que brinques con il:
un día en que todo o mundo
choute contente e feliz,
porque non haxa unha nena
que non teña, coma ti,
pechadiño nunha caixa
Seu moneco de almasí.