mércores, 4 de novembro de 2009

O magosto, a festa da tribo

Reproducimos o artigo que o pasado domingo 1 de novembro saíu publicado no Xornal de Galicia sobre o magosto. Polo seu interese vai íntegro, seguro que lle sacades tallada para as actividades destes días.
O magosto, a festa da tribopor Marcos Sueiro
O investigador Federico Justo Méndez asegura que a orixe desta celebración galega se remonta aos celtas. Na súa longa vida, o evento tivo lugar nas igrexas e nos adros ata chegar, finalmente, a tomar as prazas públicas das vilas
Chegou o tempo no que as chairas e as montañas están cheas de ourizos abertos. As castañas saen do seu escondedoiro para ofrecerse aos que as recollen e celebrar unha das festas máis tradicionais do país: o magosto. Trátase dunha cita ineludible no outono da Galicia interior e non hai vila nin cidade que non ase ou coza as castañas.
Os concellos, as asociacións ou mesmo os veciños fan convocatorias públicas para reunirse na praza máis céntrica, prender o lume e asalas. A convocatoria remite á tradición máis remota, que o investigador Federico Justo Méndez concreta nos celtas. Este navegante das curiosidades asegura que estamos a falar dunha festa de orixe castrexa. Justo Méndez explica: “Os poboadores do noroeste peninsular celebraban todos os anos unha comida entre os vivos e os mortos, asaban o froito dentro das murallas do castro, logo comían, bebían e barnábanse todos”. Os datos din que até os nosos tempos se prolongou o festexo non sen antes pasar por unha serie de cribas impostas pola historia. O magosto chegouse a celebrar dentro das igrexas porque nelas había enterramentos, e continuouse co costume de antano, vincular os vivos e os mortos, logo foi no adro e, finalmente, na praza pública máis concorrida.
MERCAR UN CUCURUCHO NA RÚA
A fisionomía do país cambiou ao longo dos séculos, pero a memoria colectiva recolleu o que non se debía perder, e a pesar de que as aldeas perden poboación, e as vilas son cada vez máis cidades e as cidades teñen pouco espazo para facer lumes; sempre hai un recanto onde non se poidan comprar unhas castañas asadas. En moitas rúas circula unha especie de máquina de tren que serve de forno e os viandantes achéganse e compran un cucurucho delas.
A paisaxe urbana píntase con executivos con maletín nunha man e o cucurucho de xornal na outra. Nos pobos, o primeiro día de novembro ou ben o día de San Martiño, hai bando do alcalde convidando á festa do bo viño e das mellores castañas e nas aldeas hai mulleres e homes que cun ganzo ben feito remexen entre as follas para buscalas e gardalas nun saco ou nunha bolsa.
Nogueira de Ramuín é un deses lugares onde hai moitos soutos. Cando se pregunta, os que alí están advirten: “Antes había máis das que hai agora, veu a peste e o castiñeiro é unha árbore moi delicada”. Esta confesión de Ramón é matizada polo escepticismo da súa dona: “Creo que con tanto raio de capa de ozono e tanta trapallada que se lle bota ás leiras non ha quedar nada”. Esta situación un tanto apocalíptica é, deseguida, corrixida para mostrar os recursos porque “algo aínda hai” e orgullosos ensinan un lugar onde as árbores centenarias se amontoan e as ramas se tocan sen mancarse.
Ramón di: “Se quere castañas hai que baixar o lombo e apañalas e dos pinchos non teña medo que decontado as mans se acostuman”. Os do lugar pasan as sestas levantando o que xa está tirado no chan, as da ponla non valen, e así durante gran parte do outono. A produción repártese entre o autoconsumo ou a venda a almacenistas que as veñen buscar todas a semanas.
Un percorrido pola provincia ourensá deixa claro que en todas as casas se ofrecen de sobremesa e que un compoñente de todas as familias celebra o magosto en forma de manifestación e compromiso social. Nos fogares que aínda teñen cociña de ferro as castañas pícanse cun coitelo para que non estoupen e bótanse enriba da prancha, outros aproveitan as chemineas para asalas e os que non teñen nin unha cousa nin a outra, no forno da cociña.
O MAGOSTO NON ABANDONA A ESCOLA
Os colexios e institutos tampouco se esquecen de facer o magosto e dende os equipos directivos planéase a actividade como unha forma máis de coñecer o medio e os costumes propios de Galicia. O CPI Manuel Respino da Rúa de Valdeorras convoca os nenos no propio centro para logo en autobús levalos a un descampado e cos mestres preparados para a ocasión gozar dunha xornada lúdica e educativa.
O curioso de todo isto é que a consecuencia da festa se rachan as tradicionais distancias académicas e para os máis pequenos pintar os mestres convértese en toda unha aventura. Con orixes celtas, como asegura Federico Justo, un dos complementos á degustación gastronómica é aproveitar os ganzos queimados.
Unha vez que o lume se apaga e os paus arrefrían aprovéitanse para untar as mans e tisnarse uns aos outros. Hai auténticas carreiras e o obxectivo final é volver todo enlarafuzado para a casa. Unha das mestras decanas di: “Aquí non hai idades e non hai quen se escape, cae dende o director e o conserxe até os rapaces chineses”.
O mesmo ocorre nos magostos que organizan os concellos e as asociacións ao longo das beiras do Sil. Ao rematar o viño e as castañas “hai que ir pillar” e “se non te tisnan é mellor que quedes na casa”.
CANTIGAS TRADICIONAIS
No magosto, como en toda boa romaxe galega, tamén hai espazo para a música e para o enxeño máis popular. En Albarellos (Monterrei) os mozos cantan aínda hoxe: “Os rapaces de Albarellos, non hai bala que os entre, coas castañas tan ben asadas que os fan homes valentes”.
Estas cantigas soan antes, durante e despois da festa. Algúns dos rapaces incluso van polas casas cantando para pedir castañas e convidar os veciños a que se xunten na festa. As tarefas están repartidas, uns traen a leña, outros o viño e case todos unha bolsa de castañas.
Primeiro faise o lume e cando a leña arde, sobre as brasas, bótanse as castañas para asar. Mentres tanto fálase e os que alí van din: “Vaise preparando o estómago con bo viño e quentando as mans ao lado das lapas”. Algúns desexan apañar as castañas e os vellos din “non teñen espera”, mentres advirten: “Ídesvos queimar, deixádeas que arrefríen”. Deseguido comeza a festa e as voltas ao redor do lume, as cancións, as carreiras para tisnar o veciño ou familiares serven de colofón a unha festa que en todos os lados ten elementos comúns.
O tempo do magosto remata pero as castañas duran tempo nas despensas, e aínda que as frescas son as máis demandadas, tamén as hai secas, de nome pilongas, e tamén se poden cocer e almorzar con leite, iogurt ou mel. Porén o magosto faise no outono, e iso si que, de momento, non se pode gardar na neveira.

Ningún comentario: